A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) xorde na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos, onde se celebran os tres primeiros congresos da AIEG. O primeiro deles organizado en 1985 na Universidade de Maine-Orono e o segundo na Universidade de Brown en 1988. Tras a terceira edición en 1991, celebrada na Universidade da Cidade de Nova York, o congreso trasládase en 1994 por primeira vez a Europa, á Universidade de Oxford. A partir dese ano, os congresos trianuais da AIEG abandonarán terras anglófonas e comezarán a alternar sedes suramericanas e europeas ata a actualidade: Trier (1997), La Habana (2000), Barcelona (2003), Salvador da Bahia (2006). O IX Congreso celebrarase por primeira vez en Galicia en 2009 (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo).

Estes congresos, que nas dúas primeiras edicións aínda foron “congresos de estudos galegos”, acadan o seu status internacional na edición de Nova York e constitúen nestas últimas dúas décadas a principal actividade da asociación, xunto coa edición das actas correspondentes. As orixes da asociación, de enfoque claramente académico, estiveron relacionadas co traballo e coa dedicación de galicianistas de Estados Unidos na súa primeira década de existencia. A súa vitalidade viuse reforzada, de maneira considerable, a partir dos anos 90 coa creación e expansión dos Centros de Estudos Galegos mais os correspondentes lectorados galegos creados arredor do mundo, promovidos pola da Xunta de Galicia.

A AIEG foi impulsada e desenvolveu o seu labor nomeadamente no terreo académico e universitario. As áreas de traballo das estudosas e dos estudosos comezaron sendo a literatura, a historia, cultura e a lingua galegas. Ao se desenvolver a conexión coa comunidade académica de Galicia tras o congreso de 1991, intensifícase o interese polos estudos sobre a lingua galega. Con todo, nesta última década vense observando un maior interese por outras áreas do saber con pouca visibilidade ata o momento, como serían os estudos de tradución, a economía ou o dereito. Na actualidade, a AIEG potencia a presenza de estudos doutras áreas, realiza algunhas actividades entre congresos e edita o BAIEG, boletín informativo da asociación.

Asóciate

As socias e socios da Asociación Internacional de Estudos Galegos poderán beneficiarse dunha serie de vantaxes como é a de formar parte dunha rede internacional de investigación.