Kathleen Nora March (Rochester, Estado de Nova York, 1949) é unha das máis destacadas referencias dos estudos galegos nos Estados Unidos. Hai corenta anos foi ela quen fundou a Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), converténdose nunha figura esencial para a consolidación e proxección internacional da área. Desde a década de 1970 dedícase incansablemente á difusión da lingua e da cultura galegas.
Profesora catedrática emérita de Español na University of Maine e directora do Centro de Estudos Galegos desa institución, Kathleen March desenvolve investigacións sobre autoras e autores fundamentais como Rosalía de Castro, Castelao, Ricardo Carballo Calero, Luz Pozo Garza, Xohana Torres e Emma Pedreira, ademais de realizar importantes traducións do galego ao inglés.
Pola súa traxectoria exemplar, recibiu o Premio Cultura Galega de Proxección Exterior no ano 2015 e foi nomeada membro de honra da Real Academia Galega en 2022.
Hoxe celebramos un novo e merecido recoñecemento: Kathleen March foi distinguida cunha das Medallas do Consello da Cultura Galega, homenaxe que pon en valor o impacto e a relevancia da súa investigación e do seu traballo a prol da internacionalización do galego.
